| ISBN | 978-88-3613-688-9 |
|---|---|
| Numero in collana | 11 |
| Sottocategoria | Filologia romanza, Letteratura catalana, Letteratura spagnola |
| Collana | Medioevo Ispanico / ISSN 2611-5417 |
| Autore | Carmen de Santiago Gòmez |
| Pagine | IV-260 |
| Anno | 2025 |
| In ristampa | No |
O trobador Johan Soarez Somesso (ca. 1223-1257) intégrase nas coordenadas do coñecido como período de implantación dos modelos líricos occitanos na zona occidental da Península Ibérica. Se ben o perfil biográfico do autor espertou o interese dos especialistas en diversas ocasións, ata o momento o seu cancioneiro non merecera unha análise individual. A edición crítica e o estudo da produción de Somesso ‒ vinte e catro cantigas de amor e unha cantiga de escarnio e maldizer ‒ revela que foi unha das voces máis activas na adaptación de motivos cultivados polos provenzais ao contexto galego-portugués, como se desprende dos seus pasos pola chanson de change, a mala cansó ou o escondit. Sen dúbida, a súa peza satírica atrae a atención do lector ao despuntar na tradición por formar parte do reducido grupo de cantigas que descobre a identidade da muller para censurar a política matrimonial exercida polos señores das grandes liñaxes. Por outra parte, o exame do seu cancioneiro en sincronía constitúe un valioso elo do tramado socio-cultural que sustenta o movemento trobadoresco, pois parte significativa das súas cantigas intégranse nunha viva rede de polémicas metaliterarias nas que participan poetas do seu círculo. O alto grao de elaboración retórica e formal que caracteriza os seus textos, unido aos trazos senlleiros polos que discorren os seus contidos, determinan que Somesso se alce como unha privilexiada porta de acceso ao trobar dos galego-portugueses.
Carmen de Santiago é Doutora internacional en ‘Estudos Medievais’ pola Universidade de Santiago de Compostela (2022). A súa Tese foi recoñe-cida co Premio extraordinario de doutoramento en 2024. Actualmente, é investigadora asociada na propia USC. Desde 2015, forma parte do equipo do proxecto Lírica profana galego-portuguesa, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Pola súa formación romanista, a súa actividade investigadora ten unha perspectiva comparada e céntrase, fundamentalmente, nos ámbitos da crítica textual, a literatura medieval e as humanidades dixitais.
